Estreas de Cine

Un documental de María Ruído, premiado no Festival de Nueva York

A memoria e a súa falta, a memoria histórica, os silencios interesados e como algunhas circunstancias pesaron na interpretación de transición española son as liñas argumentais do documental Plan Rosebud 2, da artista ourensá María Ruído, que onte foi declarado mellor documental internacional no Festival de Cine e Vídeo Independente celebrado en Nova York nos últimos días de marzo.

A cinta premiada polo festival neoiorquino é a segunda parte dun traballo que María Ruído realizou coa produción do Centro Galego de Arte Contemporánea e que ten como obxectivo último explicar a necesidade dunha reescritura da ditadura franquista e da posterior transición na que participen por igual todas as testemuñas e na que se rompa o silencio imposto trala guerra civil a todo o que gardase relación co bando derrotado.

Realizados durante o 2008, o documental en dous capítulos comeza baixo o título de A escena do crime, para continuar coa parte premiada en Nova York que ten como título Convocando ás pantasmas. A primeira das dúas documentais ten como punto de partida o momento no que no Estado Español comezou a debaterse a Lei da Memoria Histórica e ademais de reparar na situación galega, esta primeira parte fai unha comparación co tratamento que recibe a memoria histórica en países europeos como o Reino Unido ou Alemaña.


No hay comentarios:

Publicar un comentario