Estreas de Cine

Con "GRAN TORINO", Clint Eastwood regresa á interpretación



Con 78 anos de puro talento, Clint Eastwood, produce, dirixe e protagoniza "Gran Torino" (2008), a súa máis recente entrega e coa cal anunciou que se retiraría da actuación. Na cinta Walt Kowalski -o convincente personaxe que encarna- é un desprezable veterano de guerra disposto a taparlle o cu a punta de balazos a canto coreano ouse invadir o seu territorio. Aínda que o vello Walt tamén posúe bos sentimentos.
Gran Torino é unha obra que versa sobre os valores máis intrínsecos, o respecto e a aceptación polos outros, o erro da pre-concepción e os prexuízos, os lazos de amizade e o empobrecemento e baleiro dalgunhas relacións filio-paternais.
A medio camiño entre o drama social e o western urbano, Eastwood asina unha obra mestra incontestable, perfecto testamento interpretativo, conclusión dun discurso moral e estético que, a pesar dos seus lóxicos altibaixos, é xa un dos máis nítidos e apaixonantes da recente arte norteamericana. A dureza das súas imaxes, é como unha patada no estómago que desarma calquera indicio de compracencia, pero a compaixón con que filma extrae o mellor de nós mesmos. O grande cinema de Eastwood leva conseguindo este milagre máis de dúas décadas, pero sobre todo nas películas que el mesmo protagonizou, pois a súa icona, o seu rostro, é inseparable do seu legado. Nos seus filmes menores, aínda contamos con ese rostro, que nos devolve o espello da soidade, a dor, a crueldade humanas,... pero tamén o do sosego, a lucidez, a redención.



3 comentarios:

  1. O comentario de Ana Bande (Copiado do seu blog)
    pésima dobraxe case consigue outra vez estragar o filme. Foi preciso un duro exercicio de reconfiguración da percepción auditiva para degustar medianamente a historia. Agardaba máis música sendo o director un grande experto e amante do jazz e soupo a pouco o delicioso tema central da B.S.O. na voz de Jamie Cullum cando os títulos de crédito, ese momento de incompresible fuxida dos espectadores que dan por rematada a película no mesmo segundo que a música ocupa o espacio da sala. O Eastwood constrúe unha historia aparentemente sinxela pero cicais sexa esa deliberada vontade de caricaturización de roles, psicoloxías, e fenómenos sociais o que nos fai mergullarnos nas cuestións de fondo, que son variadas e intesantes. Velai está o complexo mundo da vida na vellez, a dificultade de compaxinar liberdade, dignidade e autosuficiencia coas limitacións que impoñen os achaques da propia saúde, os repentinos cambios nun entorno dunha violencia de novo cuño e sobre todo as diferencias cos fillos que non saben que facer cun pai cunha personalidad forxada en valores totalmente descoñedidos para eles. A cuase indiferencia destes fillos tórnase nunha frialdade arrepiante nos netos que só devecen polo sofá retro ou o propio Grande Torino, unha metáfora dun pasado glorioso e ao tempo un lastre insoportable que condena a Kowalski a unha desesperada loita entre o sentimento de orgullo de ser americano (velaí tódolos simbolos desa paixón que alimentan aínda a xeracións de excombatentes) e o daimon interior que lembra cada día o altísimo sacrificio que se tivo que pagar por ese dereito a sentirse parte do país das liberdades. A asunción da culpabilidade de ter matado mozos inocentes en Corea non deixa moito marxe a Kowalski cando asume o seu eterno papel de tipo duro ao máis puro estilo Harry el Sucio e velaquí ven o punto máis débil do relato, a claudicación fronte á igrexa na asunción dun papel de redentor en toda regra, cos seus estigmas e a súa crucifixión. O director, actor, productor enche a pantalla de principio a fin e nun alarde de narcisismo moi de agradecer, C.E. recupera a ollada durísima e o seu emblemático xeito de cuspir ao tempo que se amosa espido sen pudor nunha escea de baño ou permite un achegamento insual da cámara nuns primeirísimos planos que amplían e dignifican enrugas e cicatrices.

    ResponderEliminar
  2. Películas coma esta fan do cine un arte, e xenios como Clint Eastwood fan posible películas coma esta.

    ResponderEliminar