Estreas de Cine

"A CIEGAS": a obra de Saramago ao cine


Como xa fixera con "Ciudad de Dios" e "El jardinero fiel", o cineasta brasileiro Fernando Meirelles volve trasladar á pantalla unha novela, neste caso "Ensaio sobre a cegueira", de José Saramago, para mostrar a realidade pesimista e apocalíptica que o Nobel portugués ten da humanidade.
A película, que se estreará o próximo día 13 en España, está protagonizada por Julianne Moore, Danny Glover e Gael García Bernal.
Saramago asegurou que a película é "unha adaptación case perfecta -porque non hai nada perfecto- da novela" e comentou que bota en falta "o personaxe do escritor cego que conta o que vai pasando ou a visita á casa da familia da rapaza dos lentes negros".
Esta fábula apocalíptica sobre unha epidemia de cegueira que ataca primeiro a un home, logo a unha cidade e, por último, a todo o planeta, ambientada a propósito nunha cidade non identificada, que en realidade é Sao Paulo, Montevideo e o antigo cárcere de Guelph (Canadá), mostra unha realidade non moi alegre da sociedade na que vivimos. Saramago teno moi claro, "a realidade cotiá di que non se pode ser optimista e eu non o son, pero son os pesimistas os que poden cambiar o mundo".


No hay comentarios:

Publicar un comentario